Monday 06 de May de 2024

Máis de 400 persoas participaron na Cabalgata e Festival de Reis do Concello de Frades


A ilusión foi a gran protagonista esta tarde en Frades, na que os nenos e nenas celebraban ser os primeiros da comarca de Ordes en desfrutar da Cabalgata e do Festival de Reis. O tempo acompañou, polo que a diferencia do ano pasado a cabalgata puido celebrarse sen incidencias polas rúas de Pontecarreira.

As Súas Maxestades chegaron na parte traseira de tres furgonetas a Frades, acompañados polos músicos da asociación folclórica Sarillo (Aiazo) e tres personaxes moi queridas para os pequenos: Bob Esponja, que repetía visita, un minion e o gran protagonista da xornada, Chase da Patrulla Canina, que por momentos mesmo chegou a eclipsar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis Magos repartiron caramelos, saudaron aos pequenos e se desprazaron con eles ata o polideportivo, onde agardaba o maior número de veciños e veciñas.

Aló, os Reis Magos foron recibidos polo alcalde de Frades, Roberto Rey, quen aproveitou tamén para agradecer a colaboración da ANPA do CPI Pontecarreira e da asociación folclórica Sarillo de Aiazo, “pois xuntos fixemos que hoxe fose un día máxico e de festa para todos os nenos e nenas de Frades”. A pesar da presenza no pavillón de dous inchables, xogos de animación e distintos obradoiros, a atención dos pequenos focalizouse en torno ao palco onde Melchor, Gaspar e Baltasar os foron recibindo.

Despois de recordarlles as súas peticións e de recoller cadansúa bolsa de lambonadas, foi cando os pequenos comezaron a xogar nos distintos inchables e obradoiros. A festa rematou cunha degustación de chocolate e roscón de Reis para todos os presentes.